----------------------------------
Sobre o Centro
O Centro de Estudos Galegos pretende constituírse en foro e motor de encontros interdisciplinares e de investigación centrados na Galicia contemporánea, en Gales e no Reino Unido. O noso principal obxectivo é promover un diálogo (tanto no interior coma no exterior do ámbito académico) onde a cultura contemporánea, a lingua e a política galega (e tamén as súas paradoxais características e contrastes) sexan enfocadas dende perspectivas múltiples, contempladas a través de ollos distintos, artelladas por voces internacionais. As cuestións relacionadas co bilinguismo e a identidade cultural, así como a súa relevancia nas culturas galega e galesa serán do noso especial interese, fomentando deste xeito un produtivo diálogo intercultural.
Directora: Dra. Helena Miguélez Carballeira
(h.m.carballeira@bangor.ac.uk)
Lectora: Ánxeles Torres Padín
(a.torres-padin@bangor.ac.uk)
Sobre Galicia
Galicia é unha Comunidade Autónoma pertencente ao Estado Español e unha das chamadas nacionalidades históricas, ao igual que Euskadi e Cataluña. Está situada no noroeste da Península Ibérica, na costa atlántica. Historicamente, a lingua e a cultura galega foi a menos visíbel das manifestacións culturais das comunidades históricas no ámbito internacional, unha tendencia que, grazas a un interese crecente no país, está comezando a ser contrarrestada. Para unha relación precisa da historia de Galicia e do galego, preme nesta ligazón.
Estudar Galego
O galego é un dos catro idiomas cooficiais de España e conta con case tres millóns de falantes. Estudar galego desenvolverá a túa comprensión da Península Ibérica como un interesante conglomerado de diferentes culturas históricas e, ademais, debido ás semellanzas da lingua co portugués, permitirache ter un primeiro contacto cos países da lusofonía e coa súa historia.
O galego é unha materia opcional de todas as carreiras combinadas co español e obrigatoria na carreira de Estudos Hispánicos en Bangor. A provisión de materias de galego para o ano próximo inclúe:
LZS2028 Galego I
LZS2029 Galego II
LXS2024 Historia de Galicia
LXS3018 Narrativa Galega Contemporánea
Erasmus en Galicia
Podes estudar como estudante Erasmus en calquera das tres universidades galegas: a Universidade de Santiago de Compostela (www.usc.es) e a Universidade de Vigo (www.uvigo.es) e a Universidade da Coruña (www.udc.es).
Tamén podes ser lector de inglés nunha escola ou nun instituto galego. Se estás interesado nesta posibilidade, ponte en contacto co coordinador do ano no estranxeiro en España, Jordi Cornellà (j.cornella@bangor.ac.uk).
Escolas de Verán en Galicia
As tres universidades galegas ofrecen escolas de verán en Galicia, ás que poden asistir tanto os estudantes coma os adultos interesados. O principal obxectivo destas escolas, normalmente desenvoltas durante o mes de xullo, é dar ao estudante a oportunidade de adquirir familiaridade coa lingua e coa cultura propias. Estes cursos tamén inclúen varias viaxes dun día e excursións a algúns dos lugares máis fermosos e relevantes do país. Aquí tes algúns datos sobre os cursos:
- A Universidade de Santiago de Compostela e o Instituto da Lingua Galega (ILG) ofrecen cursos de verán de galego para estudantes estranxeiros de nivel elemental, medio e avanzado. O obxectivo fundamental deste curso é dar a oportunidade ao estudante de adquirir familiaridade co galego e coa súa situación sociolingüística. Ademais de clases de lingua galega e de seminarios introdutorios á literatura e a historia de Galicia, o curso inclúe excursións e visitas a lugares de interese cultural e paisaxístico. Para saber máis sobre este curso visita: http://www.usc.es/ilgas/cursos_gex08/cursos_gl.html.
- A Escola de Galego que ofrece a Universidade da Coruña celébrase na facultade de Filoloxía, no campus universitario. Inclúe 80 horas de clase durante o mes de xullo. A taxa de matrícula é de 60 euros. Para máis detalles sobre este curso de verán, contacta coa Doutora Carme Fernández Pérez-Sanjulián (carme@udc.es).
- A Escola de Galego organizada pola Universidade de Vigo ofrece un formato moi interesante e innovador. O estudantado matriculado é levado á vila de Allariz e á cidade de Vigo, e residirá en ambas as dúas localidades durante a duración do curso. Os estudantes recibirán ao redor de 60 horas de clase. O curso tamén consta de viaxes á Guarda, Tui, Santiago de Compostela, Celanova, Ribeira Sacra,… e unha serie de actividades culturais que inclúen concertos de música, conferencias, etc. A taxa de matrícula é de 90 euros. Para máis detalles sobre este curso de verán, contacta coa Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo (anl@uvigo.es).
Todas as escolas de verán de galego ofrecen bolsas ata 450 euros aos seus estudantes. Para saber como solicitalas, contacta con Ánxeles Torres Padín (a.torres-padin@bangor.ac.uk).
Boletín Informativo
O noso primeiro boletín informativo anual en galego pódese descargar gratuitamente premendo aquí (en formato PDF; preme o botón dereito para gardar esta ligazón)
Boletín 1, Outono 2007
Boletín 2, Outono 2008
Boletín 3, Outono 2009